domingo, 9 de noviembre de 2014

"SI EN NOVEMBRO OES QUE TRONA, A SEGUINTE COLLEITA SERÁ BOA"



Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”. 
A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo. Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar. 
Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante. 
E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos. 
E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior.
Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.
Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.
E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.
Texto do científico Ángel Carracedo con motivo da celebración do Mes da Ciencia en Galego.
(Angel Carracedo é Director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela).

jueves, 6 de noviembre de 2014

Oito séculos ...

... de presenza franciscana en Galicia foi a exposición que visitaron alumnos do centro na capela de Santa María.
Entre as pezas da exposición destaca un exemplar dun tomo da Biblia Políglota Complutense de principios do século XVI, encargada á Universidade de Alcalá polo Cardeal Cisneros, o confesor e asesor da raíña Isabel a católica (se sodes seguidores da serie, xa sabedes de quen estamos a falar).


A Biblia Políglota Complutense consta de 6 tomos e  está escrita en hebreo, latín e grego. Os traballos de preparación da mesma comenzaron en 1502  e remataron en 1517. Cisneros morreu antes de que saíra da imprenta.
Dos 600 exemplares que se imprimiron, sábese da supervivencia de 123 e nós tivemos a sorte de poder ver un deses.